Friday 03 de May de 2024

Arrancan as Arousa-Revolutrion Trail Series coa proba de San Alberte


A cita riveirense terá lugar o vindeiro 30 de xaneiro

A asociación Arousa Natureza e Ocio deu a coñecer hoxe na Casa Consistorial de Riveira as datas dunha nova convocatoria das Arousa-Revolutrion Trail Series, que arrancarán o vindeiro 31 de xaneiro coa proba de San Alberte e continuará coas citas de San Isidro na Pobra (21 de febreiro), Bealo en Boiro (6 de marzo) e Castro Barbudo en Rianxo (3 de abril): un calendario que conta coa implicación da mancomunidade de municipios Arousa Norte.

Eduardo Iglesias como responsable de Arousa Natureza e Ocio, Lois Rodríguez “Pachita”, deportista franquicia de Revolutrion; e o novo concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello, Anxo Orellán, informaron das características desta cuarta edición da carreira de trail sobre terreo riveirense.

A competición terá un percorrido de 14 kilómetros e un desnivel de 475 metros. Como novidade, os corredores poderán participar por equipos ou en parellas (ben sexa home-muller, muller-muller ou home-home).

Inscricións
A inscrición está aberta (hai 80 persoas anotadas xa) e os interesados poden formalizala ata o vindeiro 24 de xaneiro no caso de querer disputar todas as probas das Trail Series (o ano pasado fixérono 150 corredores) ou ata o día 28 para a cita específica de Riveira (na que a participación en 2015 superou os 300 atletas). O prezo para a carreira de San Alberto é de 9 euros, mentres que o circuíto total ten un prezo único de 30 euros. Máis información en www.arousa.com.

Lois Pachita amosou a súa satisfacción por ser esta a terceira vez en disputar o certame e expresou o seu desexo de que competicións coma esta sirvan “para que la gente se enganche a las carreras de trail”.

Tamén o edil Anxo Orellán avanzou a súa intención de competir, “aínda que de forma máis amateur” i loou a beleza do entorno en que se disputa a competición.

Sesión de adestramento
Por outra parte, Eduardo Iglesias informou de que este sábado a partir das 9.30 horas está programada unha sesión de adestramento sobre o circuíto á que está convidada toda a xente que así o desexe. O punto de encontro será a capela de San Alberte.

Ademais, o vindeiro domingo día 24, e sempre que o tempo o permita, realizarán unha andaina sobre o mesmo itinerario.